Ista vai ser, creo eu, unha das entradas mais raras que poña por aquí.
Resulta que este homiño da foto é un rapaz checo que se dedica ás carreiras de motos. Chámase Matej Kus e hai uns días sufriu un accidente nunha carreira en Australia, no que outro piloto lle pasou por riba da cabeza aplastándolle o casco. Matej quedou inconsciente durante 45 minutos.
Ata aquí todo normal. O raro do caso ven xusto despois, cando despertou, xa que estivo falando co persoal da ambulancia que o levaba ó hospital en perfecto inglés, mesmo con acento británico, cando en realidade o rapaz só está empezando a farfullar as súas primeiras frases na língua de Shakespeare (e de Benny Hill), e segundo os seus amigos ten un nivel moi básico e cústalle moito facerse entender.

O xefe do equipo, Peter Waite, díxolle ó Daily Mail que non daba creto. Non me estraña, eu mesmo non dou.

"Tiña un acento Inglés moi claro. Pasara o que pasara no golpe, debeulle recolocar as cousas na cabeza ", dixo Waite, "Matej non tiña nin idea de quen era nin onde estaba, non sabía sequera que era checo."

Desafortunadamente, segundo se mire, as novas habilidades adquiridas polo piloto non duraron moito, xa que agora mesmo Matej non lembra nada do accidente nin dos dous días seguintes.

En declaracións o Daily Mail, axudado iso si, por un intérprete, manifestou: "É incrible que estivera falando inglés dese xeito, e sen acento estranxeiro! Seguro que teño un montón de inglés no meu subconsciente e aprenderei rápidamente, sen necesidade de que ninguén me aplaste a cabeza."

Se isto é o que dixo, eu creo que aínda non se recuperou de todo.

Vía Spluch - Link - Link - Link.

Poño tres links á nova, para que non digades que non contrasto a información. Por suposto están en inglés, así que se non entendedes, batede coa cabeza na parede, que nunca se sabe.