Olowo dos OwoUnha magnífica serie de fotografías de reis africanos da man de Daniel Lainé. O da foto de arriba é OBA JOSEPH ADEKOLA OGUNOYE o Olowo de Owo.

Segundo conta a lenda, hai seiscentos anos Olowo, o rei, namorouse de Orensen, unha muller moi fermosa. Desafortunadamente para o rei, Orensen era unha deusa que non podía vivir cos mortais. Estáballe prohibido ver mulleres moendo especias, derramando auga ou tirando leña ó chan.
O rei estaba tan namorado que para casarse con ela, prometeulle que as súas outras esposas non farían estas cousas diante dela. Pero co paso do tempo as outras mulleres puxéronse celosas e empezaron a facer todo o que non debían facer diante da deusa, que botou unha maldición sobre todo o reino. A deusa prometeu que o pobo de Owo morrería de fame ou por enfermidades se o rei e os seus xefes non celebraban todos os anos unha cerimonia na súa honra. Os tambores deberían pedirlle perdón e cantarlle oracións, un deles debería mesmo ofrecerlle en sacrificio un home ou unha muller.
Esta cerimonia, Igogo, aínda existe hoxe, pero o sacrificio faise con cabras e ovellas.


A Daniel Lainé levoulle 3 anos (1988-1991) de esforzos e intensas xestións diplomáticas rematar este traballo. Nese período conseguíu fotografiar 70 soberanos, descendentes das grandes dinastías africanas.

Paga a pena ver a serie completa.

Para aquelas mentes retorcidas: Non, King Africa non aparece por ningures.