Non mo ides crer, pero isto foi casual. Non sei en que web (un fallo pola miña parte porque así non podo poñer o link) atopei a referencia de George Catlin, ó que por suposto non coñecía, que xa vos dixen que de arte non entendo e que o que fago é poñer aqui cousas que me chaman a atención.
Na miña última entrada falaba do fotógrafo Daniél Lainé e do seu periplo africano inmortalizando ós descendentes das grandes dinastías africanas. Pois ben, un século e medio antes, Catlin fixo o propio cos xefes das tribus das inmensas pradeiras norteamericanas. A diferencia, aparte da evidente latitude xeográfica, é que Catlin tardou o doble de tempo e como daquela non había cámaras de peto pois colleu un pincel e hala!
George Catlin, un avogado convertido en pintor, percorreu miles de kilómetros desde 1830 ata 1836 seguindo o rastro da expedición de Lewis e Clark. Catlin visitou 50 tribus da beira oeste do río Mississippi , desde o que hoxe é Dakota do Norte ata Oklahoma, estudiou o seu modo de vida e pintou retratos e paisaxes. O seu traballo de campo rematou coa publicación en diarios e cun conxunto de mais de cincocentas pinturas ó oleo. Catlin fíxose mais tarde showman, empresario e escritor.
Podedes ver a súa obra nesta web, que recolle os seus traballos presentes na colección permanente do Smithsonian American Art Museum.